Tuesday 07 de May de 2024

Últimas semanas para presentar orixinais ao II Premio Laudamuco para textos teatrais, que conta xa cunha decena de participantes


 

As persoas aspirantes deberán entregar a súa creación na Casa da Cultura de Brión antes deste venres 14 de febreiro

Últimos días para presentar orixinais á segunda edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión en colaboración coa Academia Galega de Teatro e con Edicións Positivas. Un galardón de carácter anual, dotado con 7.000 euros e a edición da obra, e que está aberto a autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten unha obra dramática inédita, nunca antes premiada e escrita en lingua galega.

O prazo de presentación está aberto ata o vindeiro venres 14 de febreiro na Casa da Cultura de Brión onde, a día de hoxe, xa se recibiron unha decena de participantes. “Estamos satisfeitos pola cantidade de obras recibidas a estas alturas, polo que agardamos que ao longo das próximas semanas poidamos chegar a superar os 54 textos presentados o ano pasado”, explica o técnico de Cultura, Alberto Álvarez.

Entrega de orixinais

Para participar no certame é preciso achegar cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite, dirixido á Casa da Cultura de Brión (Carballeira de Santa Minia nº 5, C.P. 15865, Brión. A Coruña). Deberase indicar no exterior do sobre “2º Premio Laudamuco para Textos Teatrais 2020”. Nun sobre anexo pechado deberá figurar: o lema (no exterior) e os datos persoais da autora ou autor: nome, apelidos, DNI, enderezo postal, número de teléfono, correo electrónico e currículo da autora ou autor (no interior).

O xurado estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral, propostas pola Academia Galega de Teatro e nomeadas polo alcalde de Brión. Na proposta de resolución do xurado haberá unha única obra gañadora. Unha vez emitida a súa resolución, procederase á apertura da plica gañadora nun acto público na data e lugar que se anunciarán oportunamente. O veredicto do xurado, que poderá declarar deserto o premio, será inapelable.

A entrega do “II Premio Laudamuco” terá lugar o 16 de maio de 2020 no transcurso dun acto organizado polo Concello de Brión co gallo do 42 aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures. Trala entrega e aceptación do premio, a Academia Galega de Teatro resérvase o dereito de facer unha lectura dramatizada do texto sen que iso supoña compensación económica para o/a autor/a premiado/a. Os orixinais non premiados poderán ser retirados da Casa da Cultura do Concello de Brión no prazo de 30 días naturais a partir do seguinte da decisión do xurado. Os que non sexan retirados serán destruídos.